Ecoloxistas en Acción propón eliminar o carbón do mix eléctrico sumándose así ás protestas de organizacións de varios países contra o Cumio da Asociación Internacional do Carbón que se celebra en Varsovia con ocasión do Cumio de Nacións Unidas sobre Cambio Climático (COP19).

Na segunda semana do Cumio sobre Cambio Climático, Ecoloxistas en Acción lamenta os recúos debidos, entre outras causas, á presenza masiva –como nunca antes- das industrias e corporacións máis contaminantes nas negociacións. O lobby dos combustíbeis fóseis, como empresas enerxéticas que se basean primeiramente na explotación de petróleo, gas e carbón e numerosas asociacións empresariais de lobby están fortemente involucradas. Xigantes do sector como Alstom, PGE e LOTOS son socios oficiais da COP19 mentres países como Canadá, Xapón e Australia recortan os seus obxectivos de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro e anuncian novos investimentos en minería de carbón e extracción de petróleo.

A Asociación Mundial do Carbón (WCA polas súas siglas en inglés) celebra até hoxe un Cumio Internacional do Carbón e do Clima no marco da COP19 baixo a lema “Tecnoloxías, oportunidades e innovacións do carbón limpo”. As industrias vinculadas ao carbón e o Goberno de Polonia, anfitrión do evento e coñecido pola súa posición pro-carbón e escéptico coa mudanza climática, pretenden lexitimar a súa aposta pola enerxía máis nociva cunha campaña de “lavado verde”. Por medio do “Comunicado de Varsovia” chaman a incrementar o uso de tecnoloxías altamente contaminantes, mais chamadas ironicamente “tecnoloxías de combustión de carbón altamente eficientes e de baixas emisións”.

A presión da Asociación Mundial do Carbón na COP19 ten como obxectivo conseguir o “recoñecemento do rol fundamental que o carbón ten para conseguir o futuro enerxético baixo en emisións”. Con iso busca incrementar os subsidios públicos en tecnoloxías extremadamente custosas e inseguras tais como a Captura e Almacenamento de Carbono ou a gasificación baixo terra as que -segundo a industria- transformarán o carbón en “enerxía verde”.

En realidade só perseguen aprazar políticas ambientais e de saúde pública que protexan a poboación e paren o cambio climático, sentenza Ecoloxistas en Acción. Perante os recentes impactos do tifón en Filipinas e os retrocesos nos compromisos vinculantes en materia climática resulta insultante que se promova na COP19 o carbón como fonte de enerxía “limpa”, opina a confederación ecoloxista.

“O uso do carbón nin é limpo nin barato porque causa graves danos á saúde que son despois sufragados polos sistemas públicas de saúde e as persoas afectadas”.

As centrais eléctricas de carbón están entre as peores fontes de contaminantes tóxicos do aire en todo o mundo. Estas emisións causan doenzas tais como bronquites, enfisema, cancro de pulmón, arteriosclerose, infarto de miocardio e accidentes cerebrovasculares.

O uso do carbón non só compromete seriamente a nosa saúde. Milleiros de persoas perden os seus fogares por causa das minas de carbón cada ano, causando nas rexións afectadas altas taxas de desemprego, contaminación e problemas sociais e económicos que somen a grande parte da poboación na pobreza.

Ecoloxistas en Acción esixe da Convención Marco de Nacións Unidas para o Cambio Climático (UNFCCC) excluír calquera representante da industria do carbón ao torpedear calquera avance político fronte á mudanza climática porque o carbón é a fonte de electricidade que máis gases responsábeis do quecemento global emite. E ademais está a causar graves danos á saúde das persoas. Segundo a convención da Organización Mundial de Saúde sobre o control do tabaco (Art. 5.3 FCTC) está prohibida a influencia da industria do tabaco nas políticas públicas de saúde. O mesmo deberíase aplicar na UNFCCC.

“Se queremos mitigar os efectos do cambio climático temos que reducir significativamente o consumo enerxético, pechar as centrais térmicas e as minas de carbón e manter os combustíbeis fóseis baixo terra e pasar ás enerxías renovábeis con propiedade democrática e pública das comunidades locais onde se produce a enerxía”, argumentan.

Como medida urxente deberíanse adoptar políticas para acabar coas subvencións ao carbón –no caso español 636 millóns de euros só no ano 2011- e a súa eliminación gradual do mix eléctrico até –máis tardar- o 2020.

Alén diso, Ecoloxistas en Acción avoga por unha política que esixa responsabilidades aos bancos prohibíndolles seguir investindo na expansión mundial da industria do carbón. Entre 2005 e 2013 uns 89 bancos comerciais investiron uns 118 mil millóns de euros na extracción do carbón, o que supón un incremento do 397% desde a entrada en vigor do Protocolo de Quioto, segundo o estudo publicado con ocasión da COP19 polas redes internacionais BankTrack e CEE Bankwatch e as organizacións urgewald (Alemaña) e Green Network (Polonia). O 71% deste capital provén de 20 bancos, entre eles os bancos europeos máis grandes.

É por iso que Ecoloxistas en Acción sumáse ao chamado de “Cough4Coal” convidando á acción de protesta para extinguir o uso do carbón, mellorar a nosa saúde e o clima.