A pobreza enerxética é un problema que afecta cada vez a máis persoas no Estado español. Segundo datos de 2012 do INE, un de cada cinco fogares foron incapaces de manter condicións mínimas de temperatura no inverno, debido ao incremento dos prezos da enerxía, a caída da renda, e a mala calidade dos edificios.

A Plataforma por un Novo Modelo Enerxético, na que participa Ecoloxistas en Acción, reclama das autoridades públicas que estabelezan plans para loitar contra esta situación mediante a adecuación do parque inmobiliario, o estabelecemento de prezos razoábeis da enerxía e a garantía de subministración nas situacións máis desfavorecidas.

Este mércores 22 de xaneiro a Plataforma convocou concentracións en varias cidades, de forma que centos de persoas, arroupadas con mantas e velas, como xeito de visibilizaren esta problemática, denunciaron a inacción das administracións públicas para solucionar o problema. As concentracións leváronse a cabo en Córdoba, Logroño, Madrid, Zaragoza, Santander e Sevilla, e súmanse ás que levaron a cabo a semana pasada en Almería, Cádiz, Selecta, Xaén e Málaga, e ás que levan realizando desde outubro de 2013 en moitas cidades e vilas da xeografía española.

A Enquisa de Condicións de Vida do INE en 2012 daba como resultado que un 17'9 % dos fogares en España foron incapaces de manter unha temperatura adecuada no inverno e que esa mesma situación deuse nun 24'8 % dos fogares durante o verán. As estimacións apuntan a que durante ese mesmo ano producíronse perto de 1,4 millóns de desconexións da rede eléctrica por falta de pagamento, e que como mínimo 2.300 persoas morren cada ano por causas relacionadas coa pobreza enerxética.

Os combustíbeis fóseis son cada vez máis caros e a baixa calidade dos edificios existentes (case o 60% foron construídos sen ningún estándar de illamento) fai que as facturas non deixen de crecer. Están a facerse esforzos por mudar esta situación (Lei de rehabilitación, rexeneración e renovación urbana, certificación de eficiencia enerxética, axudas do IDAE, etc.) mais non son suficientes para a poboación que se acha en situación de pobreza enerxética ou ao límite desta, posto que as actuacións a realizar quedan moitas veces fóra das súas posibilidades.

A este feito hai que engadir o incremento continuado na factura eléctrica, propiciado por unha normativa que blinda os beneficios das grandes empresas do sector en detrimento dos intereses da cidadanía. O déficit de tarifa pesa ademais como unha lápida sobre os consumidores, e a única forma de acabar con este problema e estabilizar os prezos é mediante unha profunda reforma do sector eléctrico, que debería ir precedida dunha auditoría de custos do sector, de forma que prime o interese xeral sobre os intereses das principais empresas que conforman un oligopolio con gran influencia sobre o poder político e os medios de comunicación.

As medidas de aforro e eficiencia son tan necesarias como a substitución progresiva de fontes fóseis por renovábeis. Mentres que as primeiras son contaminantes, caras, e importámolas do exterior, as segundas son máis baratas, limpas, con custos predicíbeis, e autóctonas.

A situación vai alén dos fogares, e alcanza a moitos concellos e institucións públicas (hospitais, colexios, universidades…), hoteis e industrias, polo que a mudanza no modelo enerxético é un imperativo para saírmos da crise. A enerxía é imprescindíbel para o bo desenvolvemento social e económico, e o acceso á mesma debe considerarse como un servizo público, democrático e transparente, en lugar de como unha forma de lucro persoal.