O Plan de Infraestruturas, Transporte e Vivenda (Pitvi) 2012-2024, que o Ministerio de Fomento someteu a información pública esta semana, aposta de novo por un enorme investimento público en autovías e alta velocidade ferroviaria. Ecoloxistas en Acción pregúntase como é posíbel que o Goberno siga apostando por unha política despilfarradora, sen xustificación técnica e forte impacto ambiental. A burbulla das infraestruturas, xunto coa burbulla inmobiliaria, xerou a tremenda débeda que se está facendo pagar á sociedade a base de recortes. Sen esquecer os escándalos de corrupción política ligados a estas grandes obras.

Na nova versión do Pitvi dada a coñecer agora expóñense varios escenarios, optimista, conservador e desfavorábel, que suporían un investimento de 144.826, 132.11 ou 119.720 millóns de euros, respectivamente. É dicir, unha cantidade superior en calquera dos escenarios á suma dos recortes que se aplicaron aos servizos sociais.

Os dous capítulos aos que o Pitvi dedicará uns maiores investimentos son, precisamente, as liñas de alta velocidade ferroviaria e as autovías, a pesar de que o Estado español é récord en quilómetros destas infraestruturas na UE-28. O ferrocarril e as estradas levarán o 39% e 29% respectivamente das cantidades citadas. Boa parte dos fondos para grandes obras destes últimos anos conseguíronse a partir de créditos do BEI (Banco Europeo de Investimentos) aumentando aínda máis nosa avultada débeda pública e contradicindo o discurso oficial de austeridade.

Ecoloxistas en Acción coida que a maior parte das obras que se expoñen carecen de xustificación. Case todas as autovías previstas, por exemplo, non teñen unha densidade de tráfico que xustifique o seu desdobramento: os manuais falan de que é sensato desdobrar unha vía a partir dun tráfico de 15 ou 20.000 vehículos ao día e o Pitvi propón esta actuación para treitos que non chegan nin aos 2.000 vehículos diarios. E, peor aínda, propóñense de novo obras que xa foron rexeitadas polo seu forte impacto ambiental após a avaliación correspondente, como é o caso das autovías Puertollano-Mérida, Toledo-Córdoba, etc.

Neste mesmo sentido, o da irracionalidade dos investimentos, causa estupor que se propoña unha nova radial para Madrid, a R-1, cando as outras 5 previamente existentes (R2, 3, 4 e 5, e AP41) están en concurso de acredores e a piques de teren que ser resgatadas polo Estado.

Algo similar acontece coa alta velocidade ferroviaria. A pesar de que hai un consenso claro entre os economistas de que resulta ser un modelo ruinoso para o país, e de que a maior parte da xente non se pode pagar os billetes deste tren, apóstase pola “AVE para todos”. Un só exemplo para mostrarmos o absurdo dos multimillonarios investimentos previstos: o Tribunal de Contas portugués decidiu en 2012 non asignar fondos á liña de alta velocidade fronteira española-Lisboa porque este tren “non defende o interese público e dos contribuíntes portugueses”, mais o Pitvi proponse levar a liña até a mesma fronteira co país veciño, previo investimento de 2.600 millóns de euros.

O Pitvi é unha constante loa ao papel das infraestruturas para “contribuír á reactivación económica” a través da «liberalización dos mercados” –de feito, esta palabra, “liberalización” repítese nada menos que 53 veces no documento– esquecendo que a nosa sobredotación de infraestruturas lonxe de ser unha vantaxe económica é de facto un tremendo buraco financeiro, que non parece que queiramos deixar de profundar.

Para Ecoloxistas en Acción resulta difícil entender unha política de transporte tan despilfarradora de fondos públicos, tan destrutora do territorio e do ambiente e tan inútil para mellorar a calidade de vida da maior parte da xente. Con todo, os “papeis de Bárcenas” si que deixaban presuntamente claros uns intereses escuros para que se levasen a cabo estes investimentos. Quizais aí estea a explicación de porqué o Goberno segue empeñado nunha política de infraestruturas tan ruinosa e demencial.