PDF - 222 KB
Un programa por la Tierra

As cinco maiores ONG ambientais de España, Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF presentaron hoxe un documento con 14 propostas dirixidas aos políticos que concorrerán ás próximas eleccións europeas. Nelas poñen de manifesto a necesidade de apostar por poñer as persoas e o ambiente no epicentro das políticas europeas para saírmos da crise de forma xusta e sustentábel.

As organizacións asinantes do documento, que leva por título “Un Programa pola Terra. Xustiza Social e ambiental para facer fronte á crise”, representan as inquietudes e preocupacións ambientais de milleiros de cidadáns, polo que piden aos partidos políticos que teñan en conta as súas propostas de cara ás próximas eleccións. As ONG achan que sería máis sinxelo e xusto saír da crise se se apostase por políticas europeas máis intelixentes, xustas e sustentábeis porque permitirían a creación de novos empregos mentres se respecta o medio ambiente, e neste proceso de mudanza cara á sustentabilidade, o Parlamento Europeo xoga un papel fundamental.

Até a data, as políticas europeas só puxeron en marcha medidas que agravaron a crise social e ambiental, e que poñen en perigo o futuro do planeta e das seguintes xeracións. Ademais, a Unión Europea perdeu o seu tradicional rol de líder mundial á hora de propor medidas para protexer a persoas e medio.

Segundo as ONG asinantes, os europarlamentarios que saian das urnas deberán ter como obxectivo prioritario:

  1. Asegurar que a UE adopte para 2030 tres obxectivos diferenciados, ambiciosos e vinculantes de clima e enerxía
  2. Fomentar a transición cara a un modelo enerxético renovábel, xusto e democrático
  3. Estabelecer políticas integrais que prioricen a redución de residuos e do uso de recursos
  4. Deter a perda de biodiversidade en Europa para 2020
  5. Conseguir mares máis sans
  6. Apoiar unha agricultura que garanta a biodiversidade e un medio rural vivo
  7. Garantir uns ríos con vida e unha nova cultura da auga en Europa
  8. Parar a deforestación e degradación forestal a nivel europeo e global
  9. Adoptar medidas para unha xestión racional dos produtos químicos perigosos
  10. Limitar a contaminación do aire a niveis concordantes coas últimas recomendacións para a saúde
  11. Oporse a calquera tratado de libre comercio que debilite as normas de protección ambiental e social e á sinatura de acordos comerciais con países que vulneren o dereito internacional
  12. Situar a xustiza ambiental e social no corazón das políticas comerciais para reducir a pobreza, a desigualdade e a crise ecolóxica global
  13. Eliminar subvencións prexudiciais para o ambiente e avanzar cara a unha fiscalidade máis sustentábel
  14. Garantir o dereito á información, participación e xustiza para a cidadanía europea