España, país líder en Europa na pesca de profundidade, ten a responsabilidade de protexer estes ecosistemas vulnerábeis.

A Coalición para a Conservación das Augas Profundas (DSCC), Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Oceana e WWF lanzaron unha recolla de firmas para reclamar ao Ministro español de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente que lidere a protección dos ecosistemas mariños de profundidade nas negociacións que se están levando a cabo actualmente en Bruxelas. España é o país líder neste tipo de pesca, con perto da metade do volume de capturas da Unión Europea.

As pesqueiras de profundidade desenvólvense entre 200 e 1.500 metros baixo o nivel do mar no Atlántico Nordeste. Ambientes extremos con frías temperaturas, falta de nutrientes e escuridade fan que estes singulares organismos crezan amodo e teñan pouca descendencia. Por iso, son moi vulnerábeis ao impacto humano, nomeadamente a actividades como é o arrastre de profundidade, que destrúe hábitats tais como corais de augas profundas e en ocasións devolve morto ao mar até o 80% do capturado.

A petición lánzase coincidindo coas negociacións dos gobernos europeos para reformaren a actual normativa que regula a pesca de profundidade en augas do Atlántico Nordeste (Regulamento nº 2347/2002), que nos últimos 10 anos demostrou ser ineficaz á hora de protexer estes ecosistemas tan fráxeis. Por exemplo, permite artes de pesca destrutivas que arrasan arrecifes de corais milenarios e agregacións de esponxas e, do centenar de especies que se pescan, só estabelece límites de capturas para 11 especies comerciais.

Así, entre as medidas solicitadas polas ONG atópanse identificar as áreas que conteñen ou poidan conter Ecosistemas Mariños Vulnerábeis, eliminar progresivamente o uso de artes destrutivas, aplicar medidas que minimicen as capturas de especies non desexadas e fixar as posibilidades de pesca segundo as recomendacións científicas.

A biodiversidade das grandes profundidades é comparábel á das selvas tropicais ou á dos arrecifes coralinos pouco profundos. España ten o deber de cumprir os compromisos ambientais adquiridos coas Nacións Unidas para unha xestión sustentábel das pesqueiras en augas profundas e unha protección adecuada deste patrimonio natural.