A mellor forma de combatermos os incendios forestais é evitarmos que se produzan. É unha obviedade que se debería traducir en priorizar a prevención de lumes durante todo o ano. Con todo, as Comunidades Autónomas, que contan coas competencias nesta materia, non toman todas as medidas necesarias. Ecoloxistas en Acción chama a investir máis recursos e a estender o período de risco, entre outras propostas.

O pasado ano o número de conatos, os lumes que afectan a unha hectárea ou menos, e de incendios, os que afectan a máis dunha hectárea, descendeu a respecto da media da última década. É unha razón para se alegrar, mais non para esquecer que os 10.626 sinistros rexistrados en 2013 foron demasiados e causaron graves danos. Tamén hai que lembrar que o 96% dos lumes teñen causa humana.

É urxente que se adopten medidas para loitar contra as principais causas dos incendios, especialmente as queimas agrarias e as queimas para a obtención de pastos, que causan case o 50% dos incendios; limitar a circulación motorizada en zonas forestais; prohibir totalmente fogueiras e grelladas no medio natural, mesmo nas zonas habilitadas para iso; ampliar a época de máximo risco; favorecer unha mudanza na xestión das masas forestais; e priorizar a prevención fronte á extinción. Para Ecoloxistas en Acción é fundamental que a loita contra os incendios forestais se realice durante os 12 meses do ano, e non só durante o verán.

Desde que se produciu o tráxico incendio de Guadalaxara, en 2005, no que pereceron 11 membros dun retén forestal e que se produciu pola neglixencia duns excursionistas ao faceren unha grellada, a regulación autonómica do uso do lume no medio natural mellorou, mais aínda é insuficiente.

Por iso, Ecoloxistas en Acción propón as seguintes medidas ás administracións autonómicas:

  • Dedicar á prevención o dobre de recursos económicos que actualmente dedican á extinción.
  • Non realizar recortes nin en persoal nin en material na loita contra os incendios forestais.
  • Ampliar o período de máximo risco de incendios, do 1 de xuño ao 30 de outubro.
  • Prohibir a realización de queimas agrarias e queimas para a obtención de pastos.
  • Prohibir o acceso de vehículos a motor por zonas forestais, salvo para labores de vixilancia, prevención e extinción, sen posibilidade de conceder autorizacións.
  • Adoptar medidas de prevención nos núcleos urbanos, urbanizacións e residencias existentes en zonas forestais, encamiñadas a informar os seus habitantes do risco existente, a evitar as posíbeis causas de incendios e adoptar medidas de loita contra os incendios.
  • Realizar campañas de concienciación sobre a importancia das zonas forestais, e campañas específicas de sensibilización para labregos e gandeiros sobre o uso do lume.
  • Intensificar os traballos de investigación após un incendio, para determinar a orixe e a autoría do incendio. A realización desta investigación é unha boa ferramenta preventiva, ao detectar os problemas existentes na zona e axudar a evitar a aparición de novos incendios.