«Sen lume non hai incendios»

  1. Non acendas lume no campo, nin para queimares restrollos ou pastos, nin para utilizares grelladas ou fogueiras (nin tan sequera nas áreas recreativas habilitadas para iso). Na época de alto risco de incendios, do 1 de xuño ao 1 de novembro, calquera faísca ou chama, por pequena que sexa, pode dar lugar a un desastre.
  2. Non botes ao chan mistos, cabichas, cigarros ou obxectos en combustión, nin tampouco papeis, plásticos, vidros ou calquera tipo de residuo ou material combustíbel susceptíbel de orixinar un incendio. O mellor é non fumares no monte.
  3. Nos terreos forestais non utilices rozadoras, motoserras, grupo de soldadura, amoladora ou radial.
  4. Ás persoas cuxa vivenda estea situada ou rodeada por terreos agrícolas ou forestais, recoméndaselles que non poñan sebes de especies que arden con facilidade (arizónicas, cipreses, etc), e que non constrúan grelladas nos límites da leira, ou polo menos, que nunca as empreguen os días de vento. Igualmente, débese solicitar á comunidade de veciños a elaboración dun plan de autodefensa (instalación de hidrantes nas rúas, manter as rúas e camiños contiguos despexados de vehículos e de vexetación, construción de depósitos de auga, etc). Deposita o lixo e os restos de poda nos colectores ou vertedoiros habilitados, nunca te desfagas deles amontoándoos xunto á vivenda ou queimándoos.
  5. En épocas de risco de incendios, do 1 de xuño ao 1 de novembro, para camiñarmos polo monte é conveniente coñecermos ben o terreo, as vías de comunicación, camiños alternativos e procurar andarmos sempre por zonas de gran visibilidade. Se vas practicar sendeirismo, en especial en compañía de maiores e nenos, procura non saíres dos circuítos sinalizados.
  6. Comunica ás autoridades públicas os vertedoiros ou puntos de verteduras ilegais que atopes en terreos forestais ou próximos a eles. Adoitan ser unha causa habitual de aparición de incendios forestais.
  7. Non pretendas chegar en coche ou vehículo motorizado a todas partes, o contacto do tubo de escape con matogueiras secas podería provocar un incendio. Do 1 de xuño ao 1 de novembro, para evitares incendios non utilices o vehículo. En zonas forestais estaciona o coche en aparcadoiros habilitados, ou, polo menos, en zonas totalmente despexadas de pastos ou matogueira.
  8. Se ves un incendio avisa canto antes ao 112, teléfono de emerxencia, ou ao 062, teléfono da Garda Civil. Indica no teu aviso o camiño máis adecuado para chegar, tendo en conta cara a onde avanza o lume. É recomendábel, ademais, coñeceres os servizos de emerxencia locais e como contactares con eles.
  9. As persoas que se atopen perto dun incendio, deben tentar ir a un claro onde o lume non lles poida alcanzar, tratando de se afastar polas zonas laterais do incendio e máis desprovistas de vexetación; se circulan en coche deben pechar as xanelas e tentar dirixirse a unha zona fóra de perigo. Non debes dirixirte cara a barrancos ou vagoadas, nin tentares escapar ladeira arriba cando o lume ascenda por ela. Lembra que unha mudanza na dirección do vento pode facer que o lume te rodee. Xa que logo, vai sempre en sentido contrario á dirección do vento.
  10. As persoas que participan en labores de extinción non deben traballar illadas, deben estar coordinadas e sempre ás ordes das autoridades competentes. Lembra que se foses requirido polas Autoridades públicas para colaborares na extinción dun lume, tes o deber legal de colaborar.