A Axencia Europea de Medio Ambiente eleva o número anual de mortes prematuras por esta causa a 450.000 na Unión Europea, 27.000 delas en España.

PDF - 8.8 MB
Air quality in Europe – 2014 report

Até o 98% da poboación da Unión Europea (UE) vive en lugares que ultrapasan os límites de contaminación do aire que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS). Así se desprende do último informe da Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA) publicado hoxe, analizando datos desde 2003 a 2012. Ecoloxistas en Acción considera moi preocupantes os resultados do informe e inaceptábel que a Comisión Europea estea a acometer unha desregulación da calidade do aire, cedendo ás presións de Gobernos como o español. A semana pasada coñeciamos os seus plans para descartar o paquete lexislativo “Aire Limpo”.

Os datos presentados hoxe pola AEMA son plenamente consistentes cos informes anuais que vén facendo públicos Ecoloxistas en Acción. De feito a Axencia emprega agora a mesma metodoloxía que utiliza a organización ecoloxista desde hai anos, ao tomar como referencia os límites legais na UE e tamén as recomendacións da OMS.

Entre as principais conclusións do informe da AEMA, salientan:

  • Os contaminantes máis problemáticos para a saúde da poboación europea seguen sendo as partículas en suspensión (especialmente as máis finas, de menos de 2,5 micras, PM2,5) e o ozono troposférico, aínda que está a aumentar a preocupación polos elevados niveis do canceríxeno benzopireno, o único contaminante que se incrementou na última década.
  • Até un 98% da poboación vive en lugares onde se superan os límites recomendados pola OMS para estes contaminantes. Pola súa banda, os límites legais (máis laxos que as recomendacións da OMS) supéranse para algún destes contaminantes en lugares onde vive até un 30% da poboación.
  • As novas estimacións publicadas pola AEMA elevan no ano 2011 até case 450.000 as mortes prematuras nos países europeos pola mala calidade do aire, 430.000 por exposición a partículas PM2,5 e 16.000 por exposición a ozono. En España, as vítimas da contaminación son xa case 27.000 ao ano, 25.000 por partículas PM2,5 e 1.800 por ozono.
  • Algúns destes contaminantes, como o ozono, provocan tamén importantes problemas á vexetación ou ben diminúen o rendemento dos cultivos. A AEMA destaca a Italia e España como os dous países europeos con maiores danos sobre a agricultura, afectando no noso país a 122.000 quilómetros cadrados, dúas terceiras partes da superficie cultivada.

Para Ecoloxistas en Acción, a situación que describe o informe da AEMA é moi preocupante, polo que considera inaceptábel que a Comisión Europea teña renunciado a revisar a normativa comunitaria sobre calidade do aire, como recomendara a propia OMS, cedendo ás presións de lobbies industriais e gobernos como o español.

Xusto a semana pasada filtrábase a probábel intención da nova Comisión Europea de descartar a nova normativa que se encontraba xa en fase de aprobación (o coñecido como Paquete Aire Limpo), e que pretendía estabelecer, por exemplo, novos Teitos Nacionais de Emisión a partir de 2020 ou valores límite para as emisións das Plantas Medianas de Combustión. Unha pésima noticia para mellorar a mala calidade do aire que respiran os europeos.

Ecoloxistas en Acción acha que o Estado español ten unha responsabilidade importante na mala calidade do aire europeo. Como o informe destaca, boa parte dos problemas de contaminación en Europa teñen unha orixe transfronteiriza. Por exemplo, a metade das PM 2,5 proveñen doutros lugares. A aposta polo transporte por estrada ou o bloqueo das enerxías renovables para favorecer as centrais térmicas de carbón e gas son políticas do Goberno español moi lesivas para a calidade do aire en España e Europa.

Doutra banda, convén sinalar que a pesar de se saber que as partículas PM2,5 son o contaminante máis perigoso, o límite legal específico para elas que entra en vigor en 2015 é o dobre que o existente en Estados Unidos e 2,5 veces superior ao recomendado pola OMS. A respecto do canceríxeno benzopireno, o límite legal é 8 veces superior á recomendación da AEMA, en base aos estudos da OMS. A medición de ambos os contaminantes é neste momento completamente insuficiente en España, non obstante o cal se están detectando niveis elevados que afectan a decenas de millóns de persoas nas áreas urbanas de Madrid, Cataluña, Andalucía, Valencia, Asturias, Canarias, Bilbao, A Coruña ou Valladolid.

Ecoloxistas en Acción lembra que as principais vías de actuación para reducirmos a contaminación do aire, en España e en Europa, pasan pola diminución do tráfico motorizado, a redución da necesidade de mobilidade e a potenciación do transporte público (en especial o eléctrico). É necesario ademais dar facilidades á bicicleta nas cidades. Para mellorarmos o aire das zonas industriais a mellor estratexia é a adopción xeralizada das mellores tecnoloxías industriais dispoñíbeis e a redución drástica da xeración eléctrica por centrais térmicas, en particular das que utilizan carbón.