20 organizacións da sociedade civil presentan 11 propostas para un cambio de modelo na xestión de residuos de cara ás próximas eleccións autonómicas e municipais. Esta xestión supón a partida máis alta dentro dos orzamentos municipais, e a incorporación de novas medidas minimizaría os custos e xeraría emprego.

Os concellos gastan case o 15% do seu orzamento na limpeza das vías públicas e a xestión de residuos, o que representa a maior partida municipal. Con todo, de cada 10 toneladas de residuos/recursos, sete toneladas acaban enterrándose en vertedoiros ou incinerándose e só tres recíclanse ou compóstanse.

Unha vintena de organizacións da sociedade civil de diferentes sectores -recicladores, consumidores, sindicatos e ecoloxistas- queren pór o acento na xestión de residuos antes e despois da campaña para as próximas eleccións autonómicas do 24 de maio. Por este motivo, presentan unha proposta con once medidas concretas para atinxir os obxectivos europeos, reducir ostensibelmente o gasto municipal en xestión e tratamento de residuos e xerar emprego verde no marco dunha economía circular.

As decisións que tomen os partidos elixidos na xestión dos residuos municipais marcará e fará chave esta lexislatura. Recoller e tratar os residuos municipais significa aproximadamente entre un 10% e un 15% dos orzamentos de cada concello, converténdose así na partida máis custosa para os entes locais. Ademais, os concellos teñen o reto de cumprir os obxectivos europeos, alcanzar en 2020 o 50% de reciclaxe de todos os residuos municipais, tal e como se estabeleceu en Bruxelas. Con todo, España aínda está moi lonxe deste horizonte; os últimos datos de Eurostat indican que se enterran ou queiman o 70% de todos os residuos municipais, o que supón o desperdicio de materiais valiosos cada vez máis escasos na natureza e un enorme impacto ambiental. A ampliación da incineración e a queima de residuos en cementeiras non son unha resposta correcta para a xestión sustentábel dos residuos e, menos aínda, sen o coñecemento e consentimento da cidadanía.

A proposta conxunta ofrece once medidas concretas para avanzar cara a unha xestión de residuos máis sustentábel e eficaz, emprazando ás novas autoridades a unha mudanza de modelo. Entre estas medidas, destacan:

  • Elaboración de plans de prevención de residuos municipais con medidas concretas e obrigatorias e orzamentos adecuados.
  • Fomento da reutilización e preparación para a reutilización, estabelecendo obxectivos específicos.
  • Obrigatoriedade da recolla selectiva da materia orgánica, que representa o 40% aproximadamente da bolsa de lixo, para a súa correcta compostaxe.
  • Apoio e promoción da obrigatoriedade a nivel autonómico e/ou estatal de sistemas de Depósito e Retorno para envases de bebidas.
  • Aplicación da fiscalidade ambiental disuasoria: impostos por vertedura e incineración e pagamento por xeración de residuos.

A sociedade civil máis informada e concienciada ten claro que camiño tomar para converter a xestión de residuos nunha xestión de recursos municipais. Os partidos políticos, ante as próximas eleccións municipais e autonómicas, deben responder a esta demanda de que facer co lixo.

Organizacións asinantes: AERESS, Amigos da Terra, Asgeco, CECU, CEPA, CCOO, Deutsche Umwelthilfe, Ecoloxistas en Acción, Ecologistes de Catalunya, Fundació per la Prevenció de Residus i Consum, Greenpeace, Gremí de Recuperació Catalunya, REAS, Retorna, Surfrider, UCE, UXT, USO, Verdegaia.