Nun ano chave para o clima coa celebración en París da Cimeira das Nacións Unidas sobre Cambio Climático (COP21), preséntase hoxe en Madrid unha Alianza polo Clima formada por máis de 400 organizacións que loitan contra o cambio climático. O seu obxectivo é sensibilizar á sociedade española da importancia de acadar neste encontro global o acordo climático que o mundo necesita para evitar os peores impactos ecolóxicos, económicos e sociais da mudanza climática.
A presentación hoxe da Alianza polo Clima contou coa participación de testemuñas do cambio climático que representan algúns dos sectores da poboación máis afectados. Carlos Almarcha, agricultor de Murcia, relatou como o cambio climático está a prexudicar as súas colleitas e está a mudar os ciclos produtivos dos alimentos, o que implica un custo económico importante para a súa actividade produtiva. Tata Keita, unha maliana representante dos países do sur, contou en primeira persoa como o cambio climático frea o desenvolvemento dos pobos, dificulta a erradicación da pobreza e incrementa a desigualdade entre países e no interior de cada país. Ademais, Juana, unha nena de 11 anos, ollou con escepticismo o futuro que a espera se non se detén a mudanza climática. Por último, o vicepresidente do Grupo II do IPCC, José Manuel Moreno, explicou as previsións climáticas do V Informe do panel de expertos de Nacións Unidas e subliñou que os impactos do cambio climático afectan cada vez máis severamente a todas as persoas, rexións, ecosistemas e economías.
Alianza polo Clima está formada por máis de 400 organizacións do noso país que representan o movemento ecoloxista, sindical, de cooperación ao desenvolvemento, ciencia e investigación e consumidores. Todas elas teñen en común a convición de que o cambio climático é un dos maiores retos aos que o ser humano enfróntase e que é urxente actuarmos para deter os seus impactos.
A principal demanda desta grande unión da sociedade civil, recollida no seu Manifesto polo clima: «Mudar o clima ten un prezo, quen o pon? quen o paga?»céntrase en conseguir que as políticas climáticas formulen obxectivos de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) acordes coas recomendacións científicas do IPCC, que garantan que non se exceden os 2ºC de temperatura media global, ou preferibelmente os 1,5ºC. España verase afectada polo incremento dos incendios forestais, secas extremas e aumento do nivel do mar, entre outros impactos.
A Conferencia de Cambio Climático deste ano en París (COP 21) será transcendental na medida en que se atinxa un acordo internacional legalmente vinculante para despois de 2020 que garanta unha diminución de emisións suficientemente ambiciosa para evitar os peores impactos ecolóxicos, económicos e sociais do cambio climático. Alén diso, é preciso adoptar ambiciosas medidas de redución desde agora mesmo para pechar a fenda de emisións antes de 2020, nomeadamente por parte dos países desenvolvidos, e tamén estabelecer mecanismos posteriores ao acordo de París que permitan aumentar a ambición dos obxectivos se se observase un agravamento dos escenarios climáticos.
Alianza polo Clima esixe de forma urxente a transición cara a un modelo enerxético renovábel, eficiente, sustentábel e xusto que garanta o acceso universal á enerxía. Ademais, lembra que o cambio climático está directamente relacionado co actual modelo enerxético baseado nos combustíbeis fóseis, como carbón, petróleo e gas, cuxa queima libera á atmosfera CO2, o principal dos Gases de Efecto Invernadoiro (GEI). Así mesmo, fai fincapé en que existen xa alternativas tecnolóxica e economicamente competitivas para cubrirmos unha demanda enerxética racionalizada e eficiente con enerxías renovábeis. Cómpre subliñarmos ademais os beneficios que estas alternativas fornecen canto á diminución da dependencia externa de combustíbeis fóseis, xa que os recursos renovábeis son locais vindo do vento, o sol, a auga e as plantas. A eficiencia enerxética, o aforro e as renovábeis son tamén máis intensivas en xeración de emprego local e contribúen a un aire máis limpo, coas evidentes vantaxes que isto implica para a saúde cidadá.
Para lograr esta mudanza de modelo enerxético, Alianza polo Clima acha imprescindíbel manter o máximo nivel de ambición na redución de emisións a nivel mundial para 2050 que nos encamiñe cara a un escenario global de cero emisións. En todos os sectores (industria, xeración de enerxía, transporte, agricultura, edificación, xestión de residuos) é urxente pór en marcha medidas para reducir as emisións, e todos os países teñen que facer esforzos para a mitigación, baixo o principio das responsabilidades partilladas pero diferenciadas, tendo en conta as súas emisións históricas e o seu grao de desenvolvemento e industrialización.
A cuestión xa non é se mudará o modelo enerxético cara ao aforro, eficiencia e renovábeis, senón se os responsábeis políticos saberán conducir esta transformación que afectará a todos os aspectos da sociedade para que ocorra de modo urxente, racional e facendo que os seus beneficios cheguen até a totalidade da cidadanía.
Alianza polo Clima forma parte da rede de coalicións que se están mobilizando en todo o mundo para solicitar o apoio da poboación e conseguir que a voz dos cidadáns sexa tida en conta nas negociacións. Para iso están previstas unha serie de accións que comezan este sábado 30 de maio en moitas cidades.
O Manifesto pode lerse en: https://www.ecologistasenaccion.org/article30192.html
Lista de asinantes
Plataformas: Coalición Clima (máis de 30 organizacións), Coordinadora de ONGD (un cento de organizacións), Cumio Social (máis de 100 organizacións), Foro de Acción Rural (unha quincena de organizacións), Plataforma por un Novo Modelo Enerxético (340 organizacións), Plataforma Rural (25 organizacións), Plataforma Terceiro Sector (7 organizacións).
Entre as máis de 400 organizacións asinantes (a maioría pertencentes a unha ou máis plataformas) están: Avaaz, ECODES, CCOO, UGT, USO, UPA, COAG, CECU, Asgeco, Hispacoop, Mans Unidas, InspirAction, ONGAWA, Oxfam Intermon, Cáritas, Alianza pola Solidariedade, REDR, REDER, Aproca, Fundación Renovables, Acción en Rede, ECOOO, ATTAC, Fundación Global Nature, 350Barcena, Xarxa per la sobirania energetica, WWF, SEO/BirdLife, Greenpeace, Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción.