Mudar o clima ten un prezo Quen o pon? Quen o paga?

Xa non existen dúbidas de que os impactos do cambio climático afectan cada vez máis severamente a todas as persoas, rexións, ecosistemas e economías. Incidirá negativamente na saúde e na esperanza de vida de moitas poboacións, no mantemento de diversos sectores produtivos e empregos, na perda acelerada da biodiversidade, e nos custos económicos e sociais que moitos países terán que afrontar para paliar os seus efectos.

Tamén está cada vez máis claro que os que menos responsabilidades teñen nas emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) son os que máis sofren as alteracións climáticas, porque viven en zonas especialmente vulnerábeis e dispoñen de menos medios para se protexer ou adaptar a elas. A mudanza climática frea o desenvolvemento dos pobos, dificulta a erradicación da pobreza e incrementa a desigualdade entre países e no interior de cada país.

Todo o mundo, nomeadamente nos países industrializados, temos responsabilidades nas emisións de gases de efecto invernadoiro polo noso comportamento no consumo ou no transporte. Hai ademais moitas grandes corporacións que fan o seu negocio mantendo un sistema produtivo contaminante, que son o auténtico freo para o cambio a un modelo de produción e consumo limpo e sustentábel. A súa enorme capacidade de influencia nas políticas dos gobernos é un dos principais atrancos aos que nos enfrontamos.

O cambio climático está directamente relacionado co actual modelo enerxético baseado nos combustíbeis fóseis como carbón, petróleo e gas, cuxa queima libera á atmosfera CO2, o principal dos GEI. Por iso, é necesaria e urxente a transición cara a un modelo enerxético renovábel, eficiente, sustentábel e xusto que garanta o acceso universal á enerxía. As tecnoloxías existen e son competitivas en termos económicos, considerando ademais os beneficios que proporcionan canto á diminución da dependencia externa de combustíbeis fóseis, xa que os recursos renovábeis son locais porque a enerxía provén do vento, o sol, a auga e as plantas. Crean ademais emprego local con maior número de empregos e contribúen a un aire máis limpo, coas vantaxes que isto ten para a saúde.

Estas mudanzas poden supor tamén un maior control social e cidadán sobre os nosos recursos e subministracións. Todo iso pódese potenciar ademais fomentando que o cidadán, como consumidor/a, teña a información necesaria como para incidir nunha maior demanda de produtos e servizos sustentábeis ao longo de toda a súa cadea de valor e especialmente na xestión da súa demanda enerxética e no autoconsumo con enerxías renovábeis.

A Conferencia de Cambio Climático deste ano en París (COP 21) será transcendental na medida en que se alcance un acordo internacional legalmente vinculante para despois de 2020 que garanta unha redución de emisións suficientemente ambiciosa para evitar os peores impactos ecolóxicos, económicos e sociais do cambio climático. As políticas climáticas nos seus distintos niveis territoriais (europeo, nacional, rexional ou local) deben expor obxectivos de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro acordes coas recomendacións científicas (IPCC) que garantan que non se exceden os 2 ºC de temperatura media global, ou preferibelmente os 1,5 ºC, xa que canto máis aumenten as temperaturas os impactos serán peores.

España verase afectada polo incremento dos incendios forestais, secas extremas e aumento do nivel do mar entre outros impactos. Ademais, é preciso adoptar ambiciosas medidas de redución desde agora mesmo para pechar a fenda de emisións antes de 2020, especialmente por parte dos países desenvolvidos, e tamén estabelecer mecanismos posteriores ao acordo de Paris que permitan aumentar a ambición dos obxectivos se se observase un agravamento dos escenarios climáticos.

Todo iso lévanos á necesidade de manter un gran nivel de ambición na redución de emisións a nivel mundial para 2050 que nos encamiñe cara a un escenario global de cero emisións. En todos os sectores (industria, xeración de enerxía, transporte, agricultura, edificación, xestión de residuos) é urxente pór en marcha medidas para reducir as emisións, e todos os países teñen que facer esforzos para a mitigación, baixo o principio das responsabilidades compartidas pero diferenciadas, tendo en conta as súas emisións históricas e o seu grao de desenvolvemento e industrialización.

A transición a un novo modelo de produción e consumo sustentábel non pode facerse sen protexer os traballadores afectados. Unha transición xusta esixe garantir novas oportunidades de emprego de calidade e iso só pode facerse con políticas públicas, planificadas e sustentábeis.

Tan importante como mitigar o cambio climático é implementar compromisos de adaptación para favorecer a capacidade das persoas de resistiren os seus efectos, incluíndo as reparacións para as máis empobrecidas e marxinalizadas que non causaron o cambio climático, con programas específicos tamén en todos os niveis competenciais.

No contexto internacional, un aspecto chave, nomeadamente para os países en desenvolvemento, é o transvasamento de financiamento suficiente e adicional desde os países industrializados para as políticas de mitigación e para as de adaptación. As achegas comprometidas no Fondo Verde para o Clima de 100.000 millóns de dólares anuais para 2020 deberían axudar a desenvolver o cambio cara a un modelo baixo en carbono impulsando particularmente as renovábeis e a eficiencia enerxética. O 50% do devandito Fondo deberá destinarse á adaptación, tal e como se acordou en Lima.

Para afrontarmos os retos climáticos cómpre unha acción política clara, urxente e transformadora. Isto só se conseguirá cunha cidadanía consciente dos problemas e das solucións, unha cidadanía esixente e mobilizada.

Listaxe de asinantes
- Plataformas: Coalición Clima, Coordinadora de ONGD, Cumio Social, Foro de Acción Rural, Plataforma por un Novo Modelo Enerxético, Plataforma Rural, Plataforma Terceiro Sector.
- Organizacións: Avaaz, Ecodes, CC OO, UXT, USO, UPA, COAG, CECU, Asgeco, Hispacoop, Mans Unidas, IspirAction, Ongawa, Oxfam Intermon, Cáritas, Alianza pola Solidariedade, REDR, REDER, Aproca, Fundación Renovables, Acción en Rede, Ecooo, ATTAC, Fundación Global Nature, WWF, SEO BirdLife, Greenpeace, Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción…