Até o 4 de setembro reúnense en Bonn (Alemaña ) os negociadores dos países para ultimar os detalles dun acordo de mitigación de emisións a longo prazo que debería ser aprobado no cumio do clima de París do próximo decembro. É necesario alcanzar un texto que non quede só nun acordo vinculante de todas as partes, senón que implique reducir o quecemento global a menos de 1,5ºC e aposte fortemente pola adaptación, con mecanismos de control e con base en principios de equidade.

Após fracaso que supuxo o cumio de Copenhague en 2009, que foi incapaz de lograr un acordo para un novo protocolo que substitúa o de Quioto, fixouse en Durban (2011) unha folla de rota que culminará en 2015 cun acordo global no que se estabelecerá un horizonte de redución das emisións capaz de frear o quecemento global a menos de 2ºC. Así iníciase o traballo periódico da plataforma Durban que elabora un texto que será discutido e aprobado por todos os países o próximo mes de decembro en París.

Tras a última sesión de negociación en xuño, elaborouse un novo texto que foi dividido en tres seccións, así, na sección I aparecen os puntos a longo prazo e vinculantes sobre os que existe un certo acordo e que constitúen o núcleo do futuro acordo de París, a sección II contén as disposicións concretas de implementación das medidas que deberán ser discutidas dentro do cumio de París e na última sección aqueles puntos onde non existe acordo, sobre os que durante estes días negóciase a súa inclusión nas seccións anteriores. Do mesmo xeito, a linguaxe usada para definir e fixar as posicións e certas partes do acordo é moi importantes para determinar como será o clima nun futuro próximo.

A falta de presenza de ministros dentro das negociacións desta semana complica un acordo que pode ser que sexa atrasado a seguintes reunións nas que estean presentes. Aínda así, as posicións de moitos países na defensa dos seus intereses particulares creou unha grande amplitude de emendas que fan que este texto sexa difícil de acordar e supoñen un evidente bloqueo. Para Ecoloxistas en Acción é necesario reducir considerabelmente as opcións eliminando aquelas que desde as recomendacións científicas sexan incapaces de lograr como mínimo o obxectivo dos 2ºC pactado ou que non contemplen a necesidade de promover a cooperación entre países con distintos niveis de desenvolvemento en termos de axudas á adaptación, transferencia de tecnoloxía e construción de capacidades.

Este texto debe recoller ademais un financiamento exclusivamente público dun fondo de adaptación e perdas e danos ocasionados polo cambio climático que se producirán nas próximas décadas e séculos, aumentando a contía do mesmo e obrigando á mobilización inmediata deses fondos. Do mesmo xeito, os compromisos nacionais de redución a 2030 non deben ser deixados á vontade dos países, senón que é necesario que o acordo teña un mecanismo estrito de monitoreo e verificación, avaliábeis polo menos cada 5 anos, de forma que cada vez a ambición de redución de emisións aumente.

Ecoloxistas en Acción fai un chamamento a todas as partes para que antepoñan o ben común e a loita contra o colapso ambiental fronte aos intereses particulares dalgúns países e das grandes corporacións industriais. Do cumio de París debe saír un acordo internacional que garanta un 2050 con practicamente 0 emisións de gases de efecto invernadoiro, xa que tal e como recoñece a comunidade científica non podemos permitirnos un fracaso máis, pois os sinais de colapso ambiental son cada vez máis evidentes e achegámonos cada día máis a un punto de non retorno que pon en perigo a sobrevivencia planetaria.