Esta semana reúnense funcionarios da UE para ponderar a aprobación dunha nova lexislación comunitaria sobre a xestión de pesqueiras en augas profundas e, paralelamente, preséntase un estudo científico que expón unha solución pragmática para a protección dunha das contornas máis vulneraábeis do planeta.

O devandito estudo, A Scientific Basis for Regulating Deep-Sea Fishing by Depth, publicado en Current Biology [1], baséase na análise das capturas de peixes realizadas por buques de arrastre en augas profundas do Atlántico nororiental, e, no caso da pesca comercial de arrastre a máis de 600 metros de profundidade, conclúe o seguinte:

  • O número de especies que sofren o impacto desta actividade aumenta significativamente debido ao aumento da diversidade a maior profundidade;
  • Como consecuencia diso, é probábel que a porcentaxe de capturas accesorias e descartes aumente exponencialmente;
  • A captura de especies particularmente vulnerábeis de quenlla e raia tamén aumenta enormemente a partir de 600 metros de profundidade;
  • Redúcese o valor comercial do peixe capturado.

Segundo os autores do estudo, “limitar a pesca de arrastre a unha profundidade máxima de 600 metros podería ser unha estratexia eficaz que se axustaría ás necesidades da lexislación europea”.

En xullo de 2012 a Comisión Europea presentou unha proposta para substituír o errado regulamento de pesca en augas profundas no Atlántico nororiental. Os 28 ministros de pesca da UE aínda non adoptaron unha posición, a pesar de que o Parlamento Europeo votou o novo regulamento en decembro de 2013. Luxemburgo, que ostenta actualmente a presidencia da UE, indicou que a negociación dunha decisión do Consello sobre a devandita lexislación é unha prioridade e prevese que as negociacións se retomen en setembro partindo dun borrador que inclúe un límite de profundidade para a prohibición da pesca de arrastre de fondo e a pesca con redes de enmalle.

A principal autora do estudo, Joanna Clarke, da Universidade de Glasgow, explicou nun comunicado emitido polos editores do mesmo que: “A principal conclusión que se deriva dos nosos achados é que a tendencia que se observa na composición da captura na pinza de 600 a 800 metros demostra que os impactos ecolóxicos colaterais aumentan significativamente mentres que a gañancia por unidade descende. Faenar a máis profundidade causa cada vez máis dano, a cambio dun beneficio que se vai reducindo, e parece que si se obterían melloras moi específicas de cara á conservación das especies estabelecendo un límite de profundidade duns 600 metros.”

A pesca de arrastre de fondo, que consiste en arrastrar redes enormes fixadas a placas e cables de aceiro polo fondo mariño foi amplamente recoñecida como unha das ameazas máis graves e destrutivas para os ecosistemas do fondo mariño no Atlántico nororiental. Ademais, demostrouse que a pesca de arrastre realizada pola frota francesa en augas de Irlanda e Escocia captura máis de 100 especies, a maioría sen valor comercial e que se acaban descartando. Doutra banda, a investigación científica ao longo do último ano demostrou que as especies e os ecosistemas de augas profundas actúan como enormes sumidoiros de dióxido de carbono, mais a súa capacidade para iso vese minguada pola pesca de arrastre de fondo.

Segundo Matthew Gianni, cofundador e asesor político de Deep Sea Conservation Coalition [2] “este estudo demostra claramente a importancia de limitar a pesca de arrastre de fondo para podermos conservar as poboacións de peixes e a biodiversidade e evitarmos a diminución do número de exemplares de especies altamente vulnerábeis, así como para protexermos os hábitats do fondo mariño. Os responsábeis políticos deben escoitar á comunidade científica e acordar a prohibición da pesca de arrastre de fondo en zonas de máis de 600 metros de profundidade”. “Os beneficios ambientais superan claramente os custos económicos. Cando os funcionarios dos estados membros da UE se reuniren esta semana en Bruxelas, deberán apoiar medidas que protexan unha zona enorme dos oceanos que rodean Europa. Débenllo á cidadanía europea.”

Alén desta eliminación gradual da pesca de arrastre e con redes de enmalle de fondo a máis de 600 metros de profundidade, a DSCC insta os estados membros da UE a protexeren os ecosistemas do fondo mariño e a garantiren a sustentabilidade da pesca coas seguintes medidas:

  • Solicitar avaliacións de impacto ambiental en todas as pesqueiras en augas profundas;
  • Garantir que se dá prioridade á utilización de aparellos de pesca de baixo impacto e ecoloxicamente sustentábeis;
  • Pechar aquelas zonas onde haxa ecosistemas mariños vulnerábeis, por exemplo corais e esponxas de augas profundas, á pesca de fondo;
  • Xestionar mellor tanto a captura como a captura accesoria de especies de augas profundas

[1] O estudo: Current Biology, Clarke et al.: “A Scientific Basis for Regulating Deep-Sea Fishing by Depth”. Publicouse o 27 de agosto de 2015. Este estudo é de acceso público. Os investigadores analizaron datos compilados en estudos con buques de arrastre en profundidades de 240 a 1.500 metros no Atlántico nororiental. Neses estudos utilizáronse distintos tipos de aparellos de pesca en varias localizacións entre 1978 e 2013. Ao analizar eses datos fica patente a transición en capturas de 600 a 800 metros, incluíndo un aumento significativo da biodiversidade, o cociente de descartes fronte a biomasa comercial e o cociente de quenllas e raias fronte a biomasa comercial. Ao aumentar os impactos ecolóxicos reducíase o valor comercial por unidade de esforzo.

[2] A Deep Sea Conservation Coalition, na que participa Ecoloxistas en Acción, é unha coalición de máis de 70 organizacións non gobernamentais, organizacións de pescadores e institutos xurídicos e políticos comprometidos coa protección do fondo mariño.