PDF - 1.3 MB
Hacia un escenario energético justo y sostenible en 2050

«Cara a un escenario enerxético xusto e sustentábel en 2050» é unha proposta de transición enerxética cara a un modelo baseado en enerxías limpas, xusto, democrático e acorde coa dispoñibilidade enerxética do futuro. O informe expón unha redución do 73% na enerxía primaria e un modelo baseado completamente en enerxías renovábeis. A transición enerxética presentada implica un cambio cara a unha sociedade máis resiliente, baseada nunha produción sustentábel e de proximidade, e con moita menos mobilidade

O estudo, realizado co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, nace da necesidade de dar resposta desde o ecoloxismo social a dúas realidades incuestionábeis: o cambio climático e o declive da extracción de combustíbeis fósiles e uranio.

A proposta expón un modelo enerxético no que se recoñece a enerxía como un ben de acceso universal e escaso, e que por tanto debe estar suxeito ao control social. Preséntase un modelo que respecta os límites do territorio (canto a extracción de materiais e utilización de sumidoiros de residuos), descentralizado, baseado en enerxías limpas e adaptado á menor dispoñibilidade enerxética futura.

Partindo dunha análise da situación enerxética actual no Estado español e da enerxía necesaria para conseguir unha vida boa en diferentes sociedades, exponse unha redución para o 2050 do 66% da enerxía final e o 73% da primaria. Para este período prevese o aumento da poboación española até 65 millóns de persoas (provocado polo aumento de migracións climáticas), polo que a redución do consumo per cápita é aínda maior. O consumo de enerxía final por persoa pasa de 2,13 toneladas equivalentes de petróleo (tep) en 2015 a 0,50, e o de primaria de 2,91 tep en 2015 a 0,57 en 2050.

O estudo expón unha transición baseada nunha redución do consumo enerxético mediante mecanismos de eficiencia enerxética e medidas como o estabelecemento de límites decrecentes no consumo de enerxía. O modelo aposta pola xestión da demanda, por unha crecente electrificación de todos os sectores, a xeración renovábel distribuída e con autoconsumo e a participación cidadá na xestión do sistema.

As fontes que antes se abandonan son a nuclear e a xeración eléctrica a partir de carbón (aínda que este séguese mantendo durante un tempo para algúns procesos industriais). Prevese un peche graduado das centrais nucleares, que deixarán de estar operativas antes de 2030. O uso de petróleo diminúe paulatinamente. O gas é utilizado como enerxía de transición nun primeiro momento, pero a partir de 2025 comeza a descender o seu consumo até desaparecer en 2050.

En 2050 exponse un sistema baseado unicamente en fontes renovábeis, cun peso partillado de varias tecnoloxías, a principal sería a eólica cun 23% do total, seguida pola solar térmica (21%), a biomasa (21%), a fotovoltaica (17%), biogás (8%), hidráulica (6%) e termosolar (4%). En comparación co actual despregamento destas tecnoloxías, a que máis aumentaría é a solar térmica e a única que se reduciría levemente é a biomasa.

O sector que máis reduce o seu consumo enerxético (un 81%) é o do transporte, que actualmente é o principal demandante de enerxía final. Isto conséguese por unha redución importante da mobilidade tanto de persoas como de mercadorías, e por unha mudanza modal cara ao transporte colectivo e electrificado. Outro dos sectores que tamén reduce significativamente a súa demanda é o comercial e de servizos públicos (un 72%), debido ás grandes posibilidades de aforro e eficiencia que hai na xestión dos edificios. A industria e a agricultura reducen a demanda aproximadamente á metade da actual, e o sector residencial un 36%.

Este documento quere ser un punto de partida para pór de manifesto as alternativas, retos e oportunidades que se expoñen á hora de abordarmos un cambio como o exposto. A transición enerxética, necesaria e urxente perante a magnitude do cambio climático, pode ser unha boa oportunidade de expor unha sociedade máis xusta, resiliente e adaptada aos seus límites territoriais, antes de que a escaseza de combustíbeis fósiles e a presión dun clima cambiante fagan que o cambio se produza de forma brusca e traumática.

Ecoloxistas en Acción sinala que a transición proposta, ademais de necesaria, é posíbel. Os coñecementos e as tecnoloxías nas que se basea este informe xa existen, o que cómpre é vontade política e concienciación cidadá.