París, un acordo decepcionante que desatende a cidadanía

Todas as versións deste artigo : [Català] [Castellano] [Euskara] [Galego]

Acuerdo de París

Para Ecoloxistas en Acción o acordo atinxido hoxe no cumio do clima de París é decepcionante e insuficiente ao carecer de ferramentas necesarias para loitar con eficacia contra o quecemento global e ao desatender as loitas cidadás que xa están a facer fronte ao cambio climático. Perdeuse unha oportunidade de reforzar e internacionalizar unha mudanza de modelo baseada nas renovábeis, que manteña baixo terra o 80% dos recursos fóseis, free a industria extractivista e se axuste aos límites planetarios. Optouse en cambio por consagrar a mercantilización do clima e as "falsas solucións".

A xustiza climática, a descarbonización, o financiamento adecuado, os dereitos humanos, a perspectiva de xénero, os refuxiados climáticos… son moitos os puntos fundamentais que quedaron fóra do texto final.

Ademais, optouse pola fórmula con menor forza legal (acordo) para un texto perigosamente vago e aberto, no que os compromisos de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro non son vinculantes. A revisión dos compromisos farase demasiado tarde, cando esteamos preto de emitir xa unha cantidade de gases de efecto invernadoiro que implicaría superarmos o límite de 1,5 graos.

A fundamental meta da descarbonización das nosas economías acabou nunha vaga referencia á necesidade de alcanzar o pico de emisións "canto antes" e de "un equilibrio entre as emisións antropoxénicas e as fontes e absorcións por sumidoiros dos gases de efecto invernadoiro". Isto é, confíase o cumprimento dos compromisos á compensación das emisións, no canto da súa redución significativa, por medio dunha mudanza na forma de producir e consumir.

O texto non contempla as emisións xeradas polo transporte aéreo e marítimo, abre a porta a trucos contábeis no cálculo das emisións e deixa sen amparo loitas como o desinvestimento en combustíbeis fósiles e o freo do fracking e as areas bituminosas.

O acordo mantén ademais os mecanismos de mercantilización do clima inscritos en anteriores tratados, como os mercados de carbono, que favorecen a especulación e a política do talonario fronte aos esforzos reais de diminución de emisións de gases de efecto invernadoiro.

Tampouco hai mecanismos garantistas para o financiamento. A provisión de fondos para a adaptación aos países máis vulnerábeis ficou relegada a unha decisión do cumio, non ao acordo vinculante, o que posibilita un recuo no futuro. Ademais, gran parte deste financiamento poderá ser usado para impulsar as citadas falsas solucións, como a xeoenxeñaría ou a captura e almacenamento de carbono, o que supón un grande atranco ao desenvolvemento das enerxías renovábeis.

Os elementos máis interesantes figuran só no preámbulo, é dicir, na parte declarativa que carece de forza legal. É o caso da apelación a "moitos maiores esforzos de redución" das emisións. Isto converte o acordo en algo máis parecido a unha declaración de intencións que a un texto á altura do reto que supón o cambio climático, en clara contradición coa orixe das negociacións climáticas e o propio sentido das Nacións Unidas.

Os líderes mundiais apostaron en París polo mesmo modelo devorador de recursos que nos trouxo á situación actual e diríxenos ao colapso ambiental. Móstrase unha vez máis que moitos cidadáns e cidadás teñen claro cal é o camiño a seguir, mentres que estes marcos de negociación desatenden esas voces continuamente e carecen do liderado necesario perante o maior reto do século XXI.

Non é momento de baixarmos os brazos nin de caermos no pesimismo na loita contra o cambio climático. Para Ecoloxistas en Acción, o sucedido en París mostra a necesidade de seguirmos presionando para que se tomen as medidas necesarias, fronte a un acordo que nos condena de momento a un aumento de máis de tres graos de temperatura. Tamén subliña a importancia do empoderamento do cambio impulsado pola cidadanía fronte ao quecemento global, con miles de loitas, como as artelladas contra o TTIP, o fracking ou a enerxía nuclear.

Pechouse unha xanela, mais a porta da cidadanía, a rúa e as loitas cotiás está máis aberta que nunca. Experiencias como a agroecoloxía, a soberanía alimentar, a mobilidade sustentábel e o desinvestimento en combustíbeis fósiles porán en evidencia a falta de ambición dos líderes políticos. Só un cambio xenuíno no modelo de produción e consumo mitigará de forma eficaz o quecemento global.




Visitantes conectados: 574