Manifestación En defensa do noso mar
En Santiago de Compostela
Del 27 de febreiro do 2016 / 11:30
al 27 de febreiro do 2016

En defensa do noso mar
Non á Lei de Acuicultura do PP
Rosa Quintana demisión

As entidades ecoloxistas e naturalistas abaixo asinantes apoiamos a convocatoria de manifestación deste sábado 27 de febreiro en defensa do noso mar e contra a Lei de Acuicultura que presentou a Consellaría do Mar do Partido Popular.

Eis as razóns polas que dende un punto de vista ecoloxista rexeitamos esta planificación:

  1. É unha Lei de filosofía neo-liberal, pensada para privatizar o mar, sen nengún tipo de restricións.
    Está pensada para a gran industria acuícola -Stolt-Nielsen e Pescanova- e posiblemente negociada con eles
  2. O marco normativo pretende que compitan os sectores tradicionais coas multinacionais en base a criterios estritamente económico-financeiros e tecnolóxicos e de aproveitamento máximo do recurso, sen considerar a capacidade de carga e o mantemento dos ecosistemas acuáticos.
  3. Declárase a actividade industrial acuícola de interese público polo que se poderá expropiar a franxa litoral que precisen as empresas.
  4. Elimínase a posíbel intervención dos concellos, mediante a declaración de supramunicipalidade dos macropolígonos acuícolas.
  5. Elaborouse de costas aos sectores produtivos, grupos ecoloxistas, científic@s,…
  6. Promove a intensivización “aproveitamento máximo do potencial marisqueiro” pola vía da transformación das zonas de marisqueo –actividade extractiva de baixo impacto- en parques acuícolas con técnicas de produción industrial.
  7. Elimínase a obrigatoriedade da avaliación ambiental das instalacións.
  8. Permítese a ubicación de plantas acuícolas en espazos naturais protexidos: non hai zonas de exclusión.
  9. Vai producir unha degradación ambiental do mar e dos ríos como consecuencia dos contaminantes (produtos químicos, farmacolóxicos e materia orgánica), do cruce coas especies silvestres, do posíbel escape de especies foráneas (invasoras, exóticas,…), etc.

Malia a ter anunciado a súa retirada, polo masivo rexeitamento das organizacións sectoriais, confrarías, mariscadoras e ecoloxistas, a idea de entregar as nosas rías e a nosa costa como terreo barato para o negocio das transnacionais acuícolas, subxace nas actuacións políticas da consellaría do Mar.

Neste senso, a Lei de Acuicultura do PP é o último episodio dunha estreita sintonía entre governo galego e a patronal acuícola: normas a medida (Lei do Solo, POL, Plano da Rede Natura…), subvencións a eito, portas xiratorias…

Pero as nosas demandas para as Rías non rematan coa retirada desta Lei; é preciso recuperar a calidade das augas, o seu saneamento, que non se pode limitar á depuración dos vertidos domésticos e que debe contemplar a eliminación dos vertidos industriais que están a impedir a explotación racional dos recursos marisqueiros e pesqueiros; neste sentido, a revogación da recente prórroga de 60 anos a ENCE na Ría de Pontevedra, é unha esixencia irrenunciábel.

Por estas razóns e polas actuacións da Consellaría do Mar na tramitación desta norma, convocamos á cidadanía galega á manifestación deste 27 de febreiro, 11:30 h., na Alameda en Compostela e demandamos a demisión da actual conselleira Sra. Quintana.

Asinan: ADEGA, AGCT (Asociación Galega de Custodia do Territorio), Amigos da Terra, APDR, CEMMA, Colectivo Ecoloxista do Salnés, Ecoloxistas en Acción, FEG (Federación Ecoloxista Galega: grupos ADEGA, ADENCO, AEMS-Ríos con Vida, APDR, Asemblea do Suído, CES, Coto do Frade, GN Hábitat, Guerrilleiros das Fragas, MEL, Naturviva, Néboa, Niño do Azor, Oureol, Vaipolorío, Verboxido, Verdegaia e Xevale), Grupo Naturalista Hábitat, PDRA, Verdegaia, WWF