A calidade do aire no Estado español durante 2015

Todas as versións deste artigo : [Castellano] [Galego]

  • Preto de 46 millóns de persoas respiraron aire contaminado durante 2015 no Estado español.
  • O informe anual de calidade do aire de Ecoloxistas en Acción que se presenta hoxe conclúe que o 99% da poboación e o 95% do territorio estiveron expostos a uns niveis de contaminación que superan as recomendacións da Organización Mundial da Saúde.
  • A conxuntura meteorolóxica, o repunte do tráfico, a fraude nas emisións dos automóbeis e a aposta gobernamental polas enerxías sucias en detrimento das renovábeis, entre as causas dun problema que afecta a saúde da cidadanía, mais tamén aos cultivos e espazos naturais.
[Informe] La calidad del aire en el Estado español durante 2015

O informe elaborado por Ecoloxistas en Acción analiza os datos recollidos en 700 estacións oficiais de medición instaladas en todo o Estado español. Presenta datos exhaustivos da calidade do aire, por comunidades autónomas e por sustancias contaminantes.

Entre as súas principais conclusións, destacan:
-  En 2015, produciuse un aumento xeral dos niveis de contaminación de partículas en suspensión (PM10 e PM2,5), dióxido de nitróxeno (NO2), ozono troposférico (O3) e dióxido de xofre (SO2), o primeiro desde o comezo da crise económica en 2008, o que explica o sensíbel empeoramento da situación e a maior poboación e territorio afectados.
-  O informe de Ecoloxistas en Acción toma como referencia os valores máximos de contaminación recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e o obxectivo a longo prazo para protexer a vexetación estabelecido pola Unión Europea. De acordo a eses niveis, o aire contaminado afectou en 2015 a 45,9 millóns de persoas no Estado español, o 99% da súa poboación, así como a 478.000 quilómetros cadrados, o 95% do territorio.
-  Se se toman os valores límite estabelecidos pola normativa española e europea, máis laxos que as recomendacións da OMS, a poboación que respira aire contaminado por encima dos valores legais é de 18,5 millóns de persoas, un 40% do total e tres millóns de afectados máis a respecto de 2014; é dicir, dous de cada cinco españois respira aire que infrinxe os límites que marca a lei. E a superficie exposta a niveis de contaminación que danan a vexetación alcanza 322.000 km2, un 64% do Estado español e 60.000 km2 máis que en 2014; noutras palabras, case dous terzos do territorio español soportan unha contaminación atmosférica que incumpre os estándares legais vixentes para protexer os cultivos e os ecosistemas naturais.
-  A principal fonte de contaminación en áreas urbanas, onde se concentra a maior parte da poboación, é o tráfico rodado. En determinadas áreas fabrís e na contorna das grandes centrais termoeléctricas de carbón e outros combustíbeis fósiles son estas fontes industriais as que condicionan de maneira decisiva a calidade do aire.
-  O ozono troposférico é o contaminante que presenta unha maior extensión e afección á poboación, cuns niveis que se manteñen estacionarios ou mesmo á alza. Isto débese ao incremento das temperaturas medias e das situacións meteorolóxicas extremas (vagas de calor) durante o verán, como resultado do cambio climático. Durante o ano 2015 os niveis de ozono aumentaron polo incremento da calor a respecto dos de 2014, agás na cornixa cantábrica, de maneira que a maior parte da poboación e o territorio españois seguiron expostos a concentracións de ozono prexudiciais para a saúde humana e vexetal.
-  As partículas (PM10 e PM2,5), o dióxido de nitróxeno (NO2) e o dióxido de xofre (SO2) no aire afectan a máis de catro quintas partes da poboación do Estado. Seguen, por tanto, sendo unha seria ameaza para a saúde, máis agora que durante o ano pasado interrompeuse a tendencia á baixa destes contaminantes que se iniciou en 2008, coa crise económica.
-  Aínda que o aumento da contaminación do aire é consecuencia en primeira instancia da conxuntura meteorolóxica, caracterizada por unha maior estabilidade atmosférica, hai sinais preocupantes que advirten de que podemos estar a asistir a un cambio xeral de tendencia, tras anos de redución dos contaminantes clásicos (partículas, NO2 e SO2): o repunte do tráfico por estrada (o consumo de combustíbeis de automoción en 2015 foi superior ao dos tres anos anteriores), a fraude nos sistemas de certificación das emisións dos automóbeis (coñecido a partir do escándalo Volkswagen) e o aumento da produción eléctrica en centrais térmicas de carbón, petróleo e gas, á custa das enerxías renovábeis.
-  A contaminación do aire debería abordarse como un problema de primeira orde, tal e como se deriva do Informe elaborado por Ecoloxistas en Acción. Cada ano rexístranse máis de 25.000 mortes prematuras no Estado español por afeccións derivadas da contaminación do aire, de acordo ás últimas estimacións da Axencia Europea de Medio Ambiente.
-  Os custos sanitarios derivados da contaminación atmosférica representan polo menos 32.000 millóns de euros ao ano, un 2,8% do PIB español, segundo a OMS e a OCDE, sen considerar o custo dos danos provocados sobre os cultivos e os ecosistemas naturais.
-  As administracións públicas arriscan a saúde da cidadanía e o pagamento dunha multa millonaria por vulneración da lei. A Comisión Europea iniciou, en xaneiro de 2009, un procedemento de infracción contra España polo incumprimento da normativa sobre partículas PM10 que está a piques de chegar ao Tribunal de Xustiza Europeo. En 2015, a Comisión abriu un novo expediente a España polos niveis de dióxido de nitróxeno.
-  A información á cidadanía por parte das administracións públicas non é nin adecuada nin axustada á gravidade do problema.
-  Os Plans de Mellora da Calidade do Aire e os Plans de Acción a curto prazo para reducir a contaminación son obrigatorios segundo a lexislación vixente. Pero, en moitos casos, en particular os relativos ao ozono, non existen, e noutros son inefectivos por falta de vontade política. Estes plans son responsabilidade de Comunidades Autónomas e Concellos.
-  As principais vías de actuación para reducir a contaminación do aire son a diminución do tráfico motorizado, a redución da necesidade de mobilidade e a potenciación do transporte público. É necesario ademais dar facilidades á bicicleta nas cidades. Así como a adopción xeralizada das mellores técnicas industriais dispoñíbeis e a redución drástica da xeración eléctrica por centrais térmicas, en particular as que utilizan carbón.




Visitantes conectados: 441