As autoridades volven a omitir o aviso das puntas de ozono no sur de Galicia

Todas as versións deste artigo : [Castellano] [Galego]

Entre o venres e o domingo rexistráronse 10 superacións do limiar de información, en Noia e Ourense, sen o preceptivo aviso á poboación máis sensible

Coa nova vaga de calor dos últimos días, o intenso tráfico motorizado que soportan as principais cidades e estradas galegas e o incremento do consumo de electricidade producida en centrais térmicas de carbón polo uso de aire acondicionado provocaron que, como aconteceu hai un mes, se volvesen disparar os niveis de ozono, sen que a Administración adoptase as medidas legalmente previstas para protexer a poboación.

O venres e sábado producíronse nas Rías Baixas 9 superacións do limiar de información de ozono troposférico, estabelecido pola normativa en 180 microgramos de ozono por metro cúbico de aire, como media horaria. Todas estas superacións producíronse na estación de control da contaminación de Noia, titularidade do Goberno de España. A máxima contaminación rexistrouse ás 11 da noite, con 228 microgramos por metro cúbico.

Tamén o venres rexistrouse outra superación do limiar de información na estación da Xunta de Galicia no Campus de Santiago de Compostela, onde ás 7 da tarde alcanzáronse 183 microgramos de ozono por metro cúbico de aire. Finalmente, o domingo rexistrouse unha última superación do limiar de información na estación de control da contaminación da Alameda, titularidade do Concello de Ourense, cunha concentración de ozono de 200 microgramos por metro cúbico ás 7 da tarde.

As estacións de Noia, Campus e A Alameda son representativas da calidade do aire das zonas Sur das Rías Baixas, Santiago e Ourense, respectivamente, cunha poboación total de 600.000 habitantes, e onde na primeira das cales durante o venres decenas de miles de persoas gozaban dun día de praia desenvolvendo actividades de risco ao aire libre que puxeron en perigo a súa saúde.

A previsión da superación do limiar de información obriga ás autoridades competentes a advertir as persoas máis sensibles á contaminación atmosférica, tales como nenos e nenas, persoas maiores, mulleres xestantes ou persoas con problemas respiratorios ou cardiovasculares, de que se protexan evitando nas horas centrais do día e á caída da tarde calquera esforzo físico e os exercicios ao aire libre. Tamén deben informar sobre a previsión de evolución da contaminación, as áreas afectadas e a duración do episodio.

No entanto, a Xunta de Galicia só informou o venres da superación na estación de Santiago de Compostela. En cambio, nin a Xunta, nin o Ministerio de Medio Ambiente nin o Concello de Ourense difundiron ningún aviso á poboación durante o episodio de elevada contaminación por ozono no Sur das Rías Baixas e a capital ourensá, incumprindo a súa obriga legal e deixando desasistidos ao medio millón de habitantes e as decenas de miles de visitantes da primeira das zonas afectadas.

Reiterando o sucedido o pasado 17 e 18 de xullo, Ecoloxistas en Acción considera que se trata dunha grave neglixencia das autoridades autonómica, central e municipal, que deberían estar coordinadas perante estas situacións de emerxencia.

Este episodio de elevada contaminación súmase á producida como consecuencia dos incendios forestais que arrasan Galicia nos últimos días, que ademais dos danos ecolóxicos e económicos directos ocasionados nos montes provocaron un aumento notable dos niveis de partículas no terzo occidental da Comunidade.

O ozono troposférico, tamén coñecido como ozono “malo” por contraposición ao da estratosfera, é un contaminante secundario producido pola reacción entre a luz solar e o dióxido de nitróxeno e os hidrocarburos emitidos polos automóbiles e algunhas industrias.

Por inhalación, provoca irritación dos ollos e vías respiratorias superiores, un incremento do risco de enfermidades respiratorias agudas e redución da función pulmonar, así como o agravamento de patoloxías cardiovasculares.

A OMS estima en 1.800 os falecementos prematuros anuais en España producidos como consecuencia da exposición a niveis de ozono como os rexistrados estes días. O ozono, ademais de para as persoas, é tamén tóxico para a vexetación, danando os bosques e reducindo a produtividade dos cultivos.




Visitantes conectados: 410