Co inicio da tempada de caza increméntanse as incidencias negativas e de risco para os non cazadores e para as actividades de goce do medio natural. Ecoloxistas en Acción alerta do descontrol na actividade cinexética, dá consellos aos usuarios do medio natural e pide que se denuncien os abusos.

Co inicio da tempada hábil de caza durante o mes de outubro comeza un período lesivo e perigoso para quen desenvolven actividades e outros aproveitamentos no medio natural. Afortunadamente cada día son máis as persoas que usan e gozan amigabelmente da contorna natural. Nos últimos anos observouse un notábel incremento das actividades na natureza, entre as que ocupan un lugar destacado as de lecer e turismo. Actividades como o sendeirismo, a bicicleta, os paseos dacabalo, o turismo de natureza, as rotas micolóxicas ou o astroturismo, sumáronse ás tradicionais, como a apicultura, a gandaría ou a agricultura para conformar un sector en auxe que está a revitalizar o medio rural.

Con todo, estas actividades e as persoas que as levan a cabo vense cada vez máis importunadas pola actividade cinexética, rexistrándose incidencias que van en aumento en toda España. Os accidentes e molestias por disparo son o primeiro e máis grave problema. Hai moitos cazadores que non respectan as zonas e distancias de seguridade. Tampouco comproban debidamente cara a que dirixen o seu disparo. Ou non teñen a destreza mínima para empuñaren unha arma, sexa por idade, por embriaguez ou por calquera outra circunstancia que diminúa a súa aptitude física.

Por ese motivo, ocorren moitos accidentes entre os propios cazadores que se cobran unha media de 28 mortos e varios miles de feridos todos os anos. Só entre o 7 e o 9 de outubro rexistrouse xa un morto e cinco feridos, entre eles dous menores, un de 13 de anos. Tamén se pon en risco aos usuarios do monte, como recolectores de cogomelos, castañas ou noces, ciclistas, paseantes, xinetes ou apicultores, que están expostos a un mal encontro cunha partida de caza.

Situacións con consecuencias físicas, mesmo mortais, xa se produciron (un recolector de cogomelos morreu en Casavieja, Ávila, en 2014, un recolector de castañas faleceu en Tedejo, León, en 2012, un ciclista resultou ferido en Berrocalejo de Aragona en 2012, etcétera). Pero ademais non é raro ver a cazadores disparando en dirección a camiños ou estradas. Os perdigóns chegaron a caer sobre persoas e vehículos.

Outro grave problema é o corte de camiños e vías pecuarias, ás veces ilegais, ás veces consentidos por concellos e consellerías de medio ambiente. Poden ser temporais, mentres dura unha cazaría, ou permanentes, se ademais se instala unha porta ou unha barreira sen indicacións de que debe estar aberta e de que o tránsito é libre. Nalgúns casos, chegáronse a colocar en coutos de caza cables que produciron graves accidentes con bicicletas e cabalarías. En Galicia e Toledo rexistráronse estas situacións, tanto en montes privados como en montes públicos que teñen cedida a caza a particulares.

Lonxe de solucionar estes problemas, algunhas administracións consentiron e até autorizaron que se cace en situacións de falta de seguridade ou que se pechen camiños, carreiros ou vías pecuarias, mesmo dentro de espazos protexidos, como o Parque Nacional de Cabañeros ou no Parque Natural de Val de Alcudia, ambos en Ciudad Real.

Ecoloxistas en Acción quere denunciar esta crecente situación e esixir que, dunha vez por todas, se impidan e sancionen estas situacións. Doutra banda, quere pór tamén ao servizo dos usuarios do monte información dos dereitos que estes teñen, para o que mantén unha asesoría legal permanente e as súas canles de comunicación abertas para rexistrar as incidencias e denuncialas.

A asociación ten en marcha unha iniciativa en favor dos dereitos dos non cazadores na súa páxina web e reimpulsou o rexistro de non cazadores que en 2008 conseguiu máis de 18.000 adhesións.

Entre as medidas inmediatas que pide a asociación ás administracións, particularmente ás Comunidades Autónomas como responsábeis da xestión da caza, están as seguintes:

  • Peche inmediato de coutos onde non se respecten as zonas e medidas de seguridade.
  • Aumentar as zonas onde estea prohibido cazar.
  • Sinalización obrigatoria das zonas de seguridade a cargo dos coutos.
  • Dar publicidade ás monterías e ganchos.
  • Aumentar a vixilancia e as inspeccións aos coutos e asistencia obrigatoria de axentes ambientais ás batidas, ganchos e monterías.
  • Aumentar idade para cazar até os 18 anos.
  • Control de alcoholemia a cazadores os días de caza.
  • Prohibir a caza nocturna.