A contaminación por ozono no Estado español durante 2016

Todas as versións deste artigo : [Català] [Castellano] [Galego]

[Informe] La contaminación por ozono en el Estado español durante 2016

Máis de 37 millóns de persoas respiraron aire contaminado por ozono durante a primavera e o verán de 2016 no Estado español. O informe sobre a contaminación por ozono de Ecoloxistas en Acción que se presenta hoxe conclúe que o 80 % da poboación e o 92 % do territorio estiveron este ano expostos a uns niveis deste contaminante que exceden o recomendado pola Organización Mundial da Saúde. A conxuntura meteorolóxica, o cambio climático, o repunte do tráfico, a fraude nas emisións dos automóbiles e a aposta gobernamental polas enerxías sucias en detrimento das renovábeis, entre as causas dun problema que afecta de maneira estrutural a saúde da cidadanía, mais tamén os cultivos e espazos naturais.

O informe sobre ozono, que Ecoloxistas en Acción presenta este ano por primeira vez, analiza os datos recollidos en 455 estacións oficiais de medición instaladas en todo o Estado español, entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro de 2016. Presenta datos exhaustivos da contaminación por ozono, por comunidades autónomas e por zonas e estacións de medición.

Entre as súas principais conclusións, destacan:

  • O ozono troposférico é o contaminante atmosférico que ano tras ano afecta máis poboación e territorio no Estado español. Durante 2016, a pesar da crise económica, os seus niveis mantivéronse en xeral estacionarios, con subas e descensos segundo os territorios.
  • O informe de Ecoloxistas en Acción toma como referencia o valor recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS), de acordo á cal o aire contaminado por ozono afectou en 2016 37,3 millóns de persoas no Estado español, o 80 % da súa poboación, así como 464.000 quilómetros cadrados, o 92 % do territorio. É dicir, catro de cada cinco españois respiraron un aire cun nivel de ozono superior ao recomendado pola OMS.
  • Se se considera o valor obxectivo estabelecido pola normativa española e europea, máis laxo que a recomendación da OMS, a poboación que respirou aire contaminado por riba do obxectivo legal é de 10,2 millóns de persoas, un 22 % do total, 0,7 millóns de afectados menos que en 2015 pero 3 millóns máis a respecto de 2013 e 2014. É dicir, un de cada cinco españois respirou un aire que incumpre o estándar legal vixente para o ozono.
  • O ozono é un contaminante moi complexo, que non ten unha fonte humana directa senón que se forma na baixa atmosfera en presenza de radiación solar pola combinación doutros contaminantes denominados precursores, emitidos polo tráfico rodado, as grandes centrais termoeléctricas e determinadas actividades industriais. Trátase por tanto dun contaminante secundario que afecta durante a primavera e o verán especialmente as áreas suburbanas e rurais influenciadas pola contaminación urbana.
  • Aínda que o mantemento da contaminación por ozono en 2016 é consecuencia en primeira instancia da conxuntura meteorolóxica, caracterizada por unha grande estabilidade atmosférica e unha forte calor estival, a súa evolución recente está relacionada moi probabelmente coa tendencia ao incremento no verán das temperaturas medias e das situacións meteorolóxicas extremas (ondas de calor), resultado da mudanza climática.
  • A contaminación por ozono debería abordarse como un problema sanitario de primeira orde. De acordo ás últimas estimacións da Axencia Europea de Medio Ambiente, cada ano rexístranse 1.800 mortes prematuras no Estado español pola exposición a niveis de contaminación por ozono como os rexistrados na maior parte do territorio durante 2016. As persoas máis afectadas son as nenas e nenos, as persoas maiores, as mulleres embarazadas e as persoas con enfermidades respiratorias e cardiovasculares crónicas.
  • Os custos sanitarios derivados da contaminación por ozono representan ao redor de 5.000 millóns de euros ao ano, un 0,33 % do PIB español, segundo o Banco Mundial, sen considerar o custo dos danos provocados sobre os cultivos e os ecosistemas naturais.

A información á cidadanía por parte das administracións públicas non é nin adecuada nin axustada á gravidade do problema. Transcorridas dúas décadas desde a entrada en vigor da primeira normativa sobre contaminación por ozono, aínda en 2016 foron varias as comunidades autónomas (Xunta de Estremadura, Xunta de Galicia e Goberno Vasco) que non avisaron á poboación da superación do denominado “limiar de información”.

Os plans de mellora da calidade do aire para reducir a contaminación por ozono son obrigatorios segundo a lexislación vixente. Pero unha ducia de comunidades autónomas (Andalucía, Aragón, Illes Balears, Castela-A Mancha, Castela e León, Catalunya, País Valencià, Estremadura, Comunidade de Madrid, Rexión de Murcia, Navarra e País Vasco) seguen sen elaboralos, o que motivou a presentación en xullo dunha denuncia contra o Reino de España perante a Comisión Europea, que se suma aos procedementos nela abertos polo incumprimento dos valores límite de partículas e dióxido de nitróxeno.

As principais vías de actuación para reducir a contaminación do aire por ozono son a diminución do tráfico motorizado, a redución da necesidade de mobilidade e a potenciación do transporte público. É necesario ademais dar facilidades ao tránsito peonil e á bicicleta nas cidades. Así como a adopción xeralizada das mellores técnicas industriais dispoñíbeis, a substitución dos disolventes orgánicos por auga e a redución drástica da xeración eléctrica en centrais térmicas, en particular as que utilizan carbón.

Aínda que é necesario ampliar substancialmente a información científica dispoñíbel sobre a dinámica do ozono, mellorando o coñecemento dos seus procesos de formación e acumulación, a escala rexional, estatal e continental, a insuficiente información dispoñíbel na actualidade sobre este contaminante non pode servir de coartada política para non actuar sobre unhas fontes de precursores perfectamente coñecidas, mediante os instrumentos legalmente previstos.

Tentando paliar a falta de información administrativa, Ecoloxistas en Acción desenvolveu durante o verán de 2016 unha campaña de sensibilización sobre o ozono troposférico, concentrada en Cataluña, o Sueste (Almería e Murcia) e a zona Centro (Madrid e territorios limítrofes de ambas as Castelas). Realizáronse catro xornadas informativas, difundiuse unha exposición itinerante por unha vintena de localidades e programáronse diversas actividades en centros educativos e asociativos.




Visitantes conectados: 115