As zonas forestais artificiais son as responsábeis dos incendios máis graves

Todas as versións deste artigo : [Castellano] [Galego]

  • O ano 2016 péchase cunha diminución da superficie queimada, pero cun aumento de 14 a 22 dos grandes incendios forestais que supoñen o 50 % en superficie afectada.
  • Ecoloxistas en Acción lanza unha análise sobre os grandes incendios forestais, os responsábeis da maior superficie queimada e dos danos máis graves.
  • É necesario intervir selectivamente nas repoboacións e nos monocultivos forestais para reducir os grandes incendios e a superficie queimada.
Informe Grandes incendios forestales en España 2012-2016

Ecoloxistas en Acción, actualizando estudos previos, analizou no informe "Grandes incendios forestais en España 2012-2016. Relación entre os GIF e o tipo de vexetación forestal e propostas para reducilos" 95 GIF (grandes incendios forestais) producidos no últimos cinco anos, 17 deles ocorridos en 2016. Os datos ofrecen información moi esclarecedora.

Refórzase o feito de que as superficies máis afectadas polos GIF son espazos forestais artificiais ou degradados, sexan derivados de repoboacións ou cultivos forestais (40 %) ou matogueiras (33 %). Nos espazos forestais que sofren GIF as especies dominantes son os piñeiros (58 %), seguidos de distintas especies de matogueira, tales como queirugas, xestas ou xaras (21 %).

Os montes que resultan ser menos afectados polos grandes incendios forestais son, nun 14% dos casos, os bosques naturais ben conservados, principalmente de quercíneas (aciñeiras, carballos ou sobreiras).

Estes perfís vense trasladados á distribución xeográfica. Os GIF son notabelmente máis frecuentes no noroeste e centro/norte de España (33 casos), no Levante (21 casos) ou no centro peninsular (23 casos). Mentres, as zonas menos afectadas por grandes incendios sitúanse nos Montes de Toledo, Serra Morena e boa parte das cordilleiras cantábrica e pirenaica, en clara correspondencia coa presenza de grandes extensións de monte mediterráneo e atlántico.

As Illas Canarias, con cinco casos no período estudado, supoñen unha singularidade neste contexto, xa que presentan piñeirais autóctonos de piñeiro canario, moi proclives aos grandes incendios.

Demóstrase que o bo estado de conservación dos nosos bosques naturais é o mellor instrumento para evitarmos GIF e que a actuación nas zonas de repoboación ou degradadas merece maior atención de cara a unha mellor prevención.

Aínda que o balanzo do ano 2016 que publicou o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA) foi positivo, xa que a superficie queimada diminuiu significativamente a respecto de 2015 e da media dos últimos anos (pasando dunhas 111.400 hectáreas en 2015 a 65.250 en 2016), chama significativamente a atención que os grandes incendios forestais, aqueles que implican danos máis catastróficos, aumentasen un 57 %, dos 14 que tiveron lugar en 2015 aos 22 que houbo en 2016.

Os grandes incendios forestais supuxeron máis do 50 % da superficie queimada. Estamos perante unha situación crítica que debe ser seriamente abordada na política de prevención.




Visitantes conectados: 394