O lixo mariño é unha grave ameaza para os ecosistemas

Todas as versións deste artigo : [Castellano] [Galego]

  • Cada ano entran nos oceanos entre seis e oito millóns de toneladas de lixo mariño. Os plásticos representan máis do 80 %.
  • O 80 % da entrada de lixo mariño prodúcese desde fontes terrestres.
  • Ecoloxistas en Acción presenta un informe que recolle evidencias científicas sobre este grave problema de contaminación, atendendo ás orixes, impactos e consecuencias do lixo, plásticos e microplásticos no medio mariño.
  • A ameaza global que supón o lixo mariño debe combaterse facendo unha profunda análise do sistema de consumo e reciclaxe.
[Informe] Basuras marinas, plásticos y microplásticos

Ecoloxistas en Acción lanza Lixo mariño, plásticos e microplásticos, un estudo que recolle unha ampla revisión bibliográfica de máis de 300 publicacións científicas internacionais e proporciona un completo resumo sobre as orixes, impactos e consecuencias do lixo mariño. De acordo coas autoras, dependendo das fontes consultadas estímase que cada ano entran no oceano entre seis e oito millóns de toneladas de lixo mariño, do que os plásticos representan máis do 80 %. Ademais, o 80 % da entrada de lixo mariño prodúcese desde fontes terrestres. Por iso, conclúen que a orixe deste problema radica "no enfoque do ciclo de vida: o modelo lineal que seguen os recursos utilizados, desde a súa fabricación ao seu posterior descarte, a miúdo tras un só uso e durante un tempo curto, xerando unha acumulación incesante de residuos”.

En canto aos efectos deste lixo, o informe pon de relevo que, segundo estudos recentes, máis de 690 especies tiveron algunha interacción co lixo mariño. A persistencia dos plásticos na natureza pode conducir a serios riscos para o ser humano e a fauna salvaxe, producindo mudanzas nos ecosistemas, exposición a sustancias químicas, efectos letais e subletais debido á súa inxestión, así como ao atrapamento con elementos de plástico por parte da fauna mariña.

Ecoloxistas en Acción alerta de que a inxestión de microplásticos por organismos dos elos inferiores da cadea trófica pode ser unha rota de entrada para niveis superiores desta cadea a través do consumo de presas previamente contaminadas por estes elementos, que poden chegar até o ser humano.

O lixo mariño afecta a hábitats, especies e ecosistemas; á saúde humana e a seguridade; e a sectores económicos como a pesca, o turismo e a navegación. Así, o lixos mariño convértese nun dos maiores problemas de contaminación a nivel mundial da época actual.

Este problema de contaminación, que “xunto co cambio climático é a ameaza global deste século para os nosos oceanos”, non recoñece fronteiras xeográficas nin políticas. Atópanse por todo o planeta. A pesar da crecente preocupación social e da incipiente actuación dos organismos xestores nacionais e internacionais, os seus impactos ecolóxicos e socioeconómicos supoñen actualmente unha grave ameaza. O informe culmina cunha análise do modelo actual de consumo e reciclaxe. Tamén contén unha proposta de medidas a adoptar, tanto a nivel individual como estrutural e de modelo social. Como lembra Ecoloxistas en Acción, cada vez son máis as voces que sinalan como solución a loita contra o problema na súa orixe, aplicando o principio dos seis R: Reducir, Reutilizar, Reciclar, Redeseñar, Recuperar, Reemprazar.

Lixo mariño

O lixo mariño é un desafío global intersectorial que non recoñece fronteiras xeográficas ou políticas. Malia a crecente preocupación a nivel social e a incipiente actuación dos organismos xestores nacionais e internacionais, o lixo mariño e os seus impactos ecolóxicos e socioeconómicos supoñen hoxe en día unha grave ameaza para o medio mariño e costeiro e para os medios de vida humanos. Afectan hábitats, especies e ecosistemas; a saúde humana e a seguridade; e sectores económicos tais como a pesca, o turismo e a navegación, converténdose nun dos maiores problemas de contaminación a nivel mundial da época actual. A súa persistencia na natureza pode conducir a riscos serios para o ser humano e a fauna salvaxe, producindo cambios nos ecosistemas, exposición a sustancias químicas, e a efectos letais e subletais debido á súa inxestión, así como ao atrapamento por parte da fauna mariña.

Atópanse presentes por todo o planeta, estimándose que cada ano entran nos oceanos entre 6,4 e 8 millóns de toneladas; e aínda que existen diversos tipos, trátase na súa maioría de plásticos. Hoxe en día é difícil acharmos un produto que non conteña plástico, desde os forros polares até o material cirúrxico. Sobre todo, e representando un 40% da demanda deste material, vivimos rodeadas de múltiples formas de envases e embalaxes de plástico. E é que, aínda que existen diversas fontes de procedencia (transporte marítimo, sector da pesca, turismo, náutica, etc.), o lixo mariño componse eminentemente dos nosos residuos terrestres. Con todo, unha vez entran no medio mariño, distribúense por todas as concas até chegar a sitios tan afastados das súas fontes de procedencia como os polos ou os fondos oceánicos, tendendo a acumularse nas zonas de xiros oceánicos e zonas de menor enerxía hidrodinámica.

A medida que pasa o tempo e baixo o efecto da radiación solar e outros procesos químicos, físicos e biolóxicos, os plásticos perden resistencia e fragméntanse en partículas sen sufrir necesariamente unha alteración da súa composición química. É entón cando falamos de microplásticos : pequenos fragmentos de plástico, polo xeral de menos de 5 mm. As interaccións que se producen entre estes materiais no medio mariño son diversas e complexas. Os efectos máis coñecidos son o do lixo mariño “grande”, os macroplásticos, asociándose xeralmente a animais mortos, debilitados ou varados por consecuencias relacionadas con enmallamentos e atrapamentos, sofocación, ou inxestión.

Pero o abano de impactos é moito máis amplo e variado, habendo algúns menos intuitivos a primeira vista mais igualmente importantes. A persistencia dos plásticos na natureza pode conducir a riscos serios para o ser humano e a fauna salvaxe, incluíndo a exposición a sustancias químicas, que ben están presentes na composición destes plásticos ou ben foron adsorbidas neles no medio mariño. Ademais, poden facilitar a propagación de especies invasoras, sendo este último un problema especialmente ameazante para as rexións polares, como o ecosistema do Ártico, que á súa vez é unha das áreas do planeta que máis rápido se está quentando. En definitiva, a degradación dos ecosistemas debido á abundancia de lixo mariño e microplásticos é evidente e innegábel.

O camiño cara á sustentabilidade debe orientarse, entre outras, cara a unha economía do plástico máis circular, reducindo o uso de materias primas e diminuíndo a cantidade de residuos que xeramos. En particular, é fundamental aumentarmos a reciclaxe de plásticos, e dado que o 40 % do plástico producido en Europa destínase á produción de envases, a introdución de sistemas de depósito e retorno de envases (SDDR) é unha medida imprescindibel cuxa eficacia está ademais demostrada. Unido ao anterior, debemos xestionar a dependencia que temos deste material omnipresente, e son opcións eficaces tanto a redución do consumo de plástico de uso cotián, relegándoo só a aquelas aplicacións nas que é realmente necesario, como a substitución por outros materiais máis sustentábeis.




Visitantes conectados: 320