[Informe] Camiñar sobre o abismo dos límites

Todas as versións deste artigo : [Castellano] [Galego]

O presente informe pretende contribuír ao debate e á reflexión colectiva con vistas a elaborar estratexias que aproveiten o grande reto e as oportunidades que se nos presentan. Segundo os datos achegados por distintos organismos internacionais e parte da comunidade científica, atopámonos nun momento único na historia da humanidade: estamos a vivir unha grande mudanza civilizatoria.

Comezamos a albiscar o inicio do esgotamento dos recursos enerxéticos e materiais, así como os primeiros efectos do cambio climático e da perda da biodiversidade. Neste contexto, mantermos a espiral de produción e consumo propia do capitalismo non fará máis que acelerar a crise sistémica. Mais non só está en profunda crise a biosfera, senón tamén o capitalismo global, que está a chegar aos seus límites.

[Informe] Caminar sobre el abismo de los límites

As manifestacións desta crise global comezan a ser palpábeis observando o escenario político mundial. Por exemplo, ábrense camiño propostas de marcado corte xenófobo a ambos os dous lados do Atlántico, que están a responder á perda de empregos industriais e á caída das rendas das clases medias. Atrás deses procesos non só están as políticas neoliberais, senón tamén os límites dos recursos, un dos desencadenantes da Gran Recesión que se inaugurou en 2007/2008.

A espiral do crecemento e o desenvolvemento infinito tocaron teito. O decrecemento material non é unha hipótese, senón unha realidade que, goste ou non, está a concretarse. A disxuntiva é entre un decrecemento xusto e outro inxusto. O factor tempo xoga na nosa contra. Canto máis atrasemos a transición enerxética cara a un modelo baseado en fontes renovábeis e descendamos os niveis de consumo, canto máis tardemos en afrontar decididamente o quentamento global e a degradación ambiental, máis se afastará a posibilidade dun futuro digno para as maiorías sociais e as xeracións vindeiras. Debemos, e podemos, iniciar agora a transición a un novo paradigma que reverta os valores dominantes e debuxe camiños de esperanza que ofrezan a posibilidade dunha vida digna para a maioría das persoas preservando ao mesmo tempo a natureza.

As mudanzas por emprender son de tal envergadura que requiren dun enfoque sistémico, no que o económico, o político e o cultural se articulen nunha nova configuración social que transcenda certos mitos e institucións que arrastra a Modernidade. O camiño non será fácil de atopar nin de percorrer, mais non afrontarmos os desafíos pode facilitar o ascenso de novos autoritarismos ou fascismos baseados no acaparamento duns recursos que serán cada vez máis escasos, e que de feito xa están a medrar a ambos os dous lados do Atlántico.




Visitantes conectados: 645